XUVENÍS. ASPIRANTES, 1 - NUMANCIA, 2.

Numancia de Ares ADR. Xuvenís 2012-2013. Aspirantes 1 - Numancia 2. A Gándara 24/11/12.NOVO PASO CARA ADIANTE

Os de Ares malia todos os atrancos van sumando xornada tras xornada. Este fin de semana e nun partido moi igualado conseguiron impoñerse ao conxunto ferrolano do Aspirantes por 1 - 2. Ao descanso chegouse con empate a cero goles.


A Gándara 24 de novembro de 2012.

ALIÑACIONS:

ASPIRANTES: Bruno (Alex Fernández 73´), Diego, Rober, Manuel Abad, Eloy, Brais, Alex García (Manuel Díaz 67´), Berto, Renzo (Aday 63´), Fandiño e Alex López.

NUMANCIA: Carlos (Roberto 70´), Miguelito (José Manuel 50´), Alberto, Adrián, Darío, Pepe, Novoa (Miguel 60´), Martín, Ángel, Borja e Marcelo.

COLEXIADO: Fernando Caruncho Paz. Amoestou a Eloy e Brais polo Aspirantes e a Novoa, Adrián, Marcelo e Miguel polo Numancia. Resultou expulsado Jesús Caruncho (delegado) do Aspirantes.

GOLES:

0 – 1: Borja (47´), 0 – 2: Borja (65´), 1 – 2: Manuel Díaz (87´).

Partido moi igualado o que se disputou en A Gándara entre o Aspirantes e o Numancia. Nos noventa minutos de contenda ningún dos dous equipos conseguiu impoñer o seu xogo nun partido no que reinou o centrocampismo. Na primeira metade poucas ocasións de gol, sendo a máis clara para os de Ares a tres minutos do descanso cando Borja estrela o balón no pau despois dun lanzamento de libre directo. Co mesmo resultado do inicio marcharíamos ao descanso.

Aos dous minutos de reiniciada a segunda parte, Adrián pon un balón en longo á semilúa da área, un defensa peitea cara atrás para o porteiro, Borja moi atento le a xogada e faise co balón, encara portaría e supera de vaselina a saída do gardameta para poñer por diante os de Ares. O partido continuou polos mesmos derroteiros da primeira metade. Quizais os de Ares, animados polo marcador, nesta segunda parte puxeron unha marcha máis que o conxunto local pero aínda así a superioridade non foi destacable. Aos vinte e cinco minutos do reinicio, falta bastante pechada no lateral esquerdo da área que executa Borja, cando todos esperan o centro, o dianteiro aresán de forte disparo sorprende enviando ao fondo da rede, 0 - 2 no minuto sesenta e cinco. Só nos minutos finais de partido e cun conxunto aresano bastante canso o Aspirantes levaría a batuta do encontro. E no minuto oitenta e sete despois dun balón que gaña as costas da defensa co que se fai Manuel Díaz quen supera de vaselina a saída de Roberto, os locais acurtarían distancias no marcador para establecer o resultado definitivo de Aspirantes, 1 - Numancia, 2.

 

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.