XUVENÍS. NUMANCIA, 3 - NARON, 2.

Numancia de Ares ADR. Xuvenís 2012-2013. Numancia 3 - Narón 2. Prados Vellos. 03/11/12.REMONTADA E VITORIA.

Vitoria final do Numancia por 3 - 2. Ao descanso chegouse con 0 - 2 a favor do Narón, pero os de Ares remontaron o partido na segunda metade.


Prados Vellos 3 de novembro de 2012.

ALIÑACIONS:

NUMANCIA: Carlos, Miguelito, Darío (Agustín 85´), Alberto, Adrián, Pepe, Borja, Miguel (Martín 46´), Ivi (Ángel 67´), Iván e Novoa (Marcelo 57´).

NARON: Luís Coira, Adrián González (William 46), Moncho, David, Moisés, Jorge, Adrián Patiño (Miguel 77´), Luís Corral, Christián Fernández (Marlon 67´), Josué e Aitor.

COLEXIADO: Diego Mato Sanmartín. Amoestou a Adrián Patiño e Jorge polo Narón. Expulsou a Aitor polo Narón e a Iván, e Marcos (adestrador) polo Numancia.

GOLES:

0 - 1: (min. 7), internada pola banda dereita de ataque do Narón que alcanzan o lateral do área e finaliza con pase entre liñas ao punto de penalti para que Adrián Patiño remate segundo lle chega ao fondo da rede.

0 - 2: (min. 45), pase en longo ao bordo esquerdo da área e que Alberto non acerta a despexar, Christián Fernández faise co esférico, se interna e de disparo cruzado bate a Carlos.

1 - 2: (min. 50), xogada de Borja polo centro con pase final entre os defensas sobre a banda dereita que recolle Ivi quen lle gaña a partida ao seu marcador, se interna na área e de disparo cruzado ao segundo pau bate a Coira.

2 - 2: (min. 57), rapidísimo contraataque de Ivi por banda dereita, que culmina cun centro pasado ao segundo pau por onde entra Borja para enviar ao fondo da rede e empatar o partido.

3 - 2: (min. 59), rápida xogada de combinación que parte do centro do campo con pase de Ivi sobre Marcelo escorado a banda dereita, Marcelo alcanza o pico da área e pon un globo ao punto de penalti onde Borja lle gaña a partida ao porteiro e ao botepronto lla coa polo medio das pernas.

Rematado o campionato de copa, e no que os de Ares finalizaron nun máis que meritorio segundo posto do seu grupo, tocaba este fin de semana dar comezo ao campionato de liga. Os de Ares recibían en Prados Vellos nesta primeira xornada ao Narón Balompié. Pronto se lle puxo de cara o partido aos naroneses, pois aos cinco minutos do seu inicio marcaban o primeiro gol. Os de Ares encaixaron ben o tanto e lonxe de virse abaixo comezaron a entrelazar boas xogadas e levar moito perigo á meta visitante pero non tiveron sorte nin atino nas definicións. En boa parte deste primeiro período foi o conxunto local o que levou o maior peso do encontro e o que dispuxo das mellores ocasións fronte a un Narón que tivo algunhas aproximacións en xogadas á contra. Nesta primeira metade os equipos rematarían con dez xogadores no terreo de xogo, primeiro a expulsión de Aitor no 36´ para o Narón, e dous minutos despois a de Iván para o Numancia. Xa co tempo prácticamente cumprido chegaría o segundo tanto visitante, obra de Cristián. Un xarro de auga frita para os de Ares, pois fixeran unha moi boa primeira metade e o resultado non facía xustiza ao visto no terreo de xogo.

Comezaba a segunda metade e volvían ser os de Ares os que tomaban a iniciativa. Iniciativa que se viu recompensada aos cinco minutos do seu inicio en forma de gol, obra de Ivi quen acurtaba distancias no marcador. Este gol recompensaba o traballo do conxunto local, que aínda se animou máis e foi descaradamente a polo partido, desbordando en xogadas a contra o centro do campo e á defensa naronesa. Sete minutos máis tarde volvían asestar os de Ares outro golpe ao Narón empatandolles o partido. E dous minutos despois dábanlle a volta ao marcador ante un Narón totalmente desconcertado polos acontecementos. Os numantinos en quince minutos revolucionaran Prados Vellos. Aínda continuaron os de Ares algúns minutos exercendo o control do partido, que pouco a pouco foise igualando e volvendose máis lento e impreciso nas xogadas, en parte debido ao cansazo e algunhas lesións musculares froito do forte ritmo imposto. Non en van os de Ares tiveron que botar man de todos os seus efectivos, e onde ata o porteiro suplente se tivo que poñer a camiseta vermella para exercer de xogador. Nos últimos minutos do partido o Narón envorcouse no campo do Numancia, pero con máis corazón que cabeza e os balóns se perdían a maioría das veces polas bandas ou as liñas de fondo. Os de Ares defendéronse sen moitos apuros deixando correr o reloxo. Finalmente chegaríase ao final do partido co resultado, máis que merecido, de 3 - 2 a favor dos de Ares.

 

 

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.