XUVENÍS. GALICIA DE MUGARDOS, 2 - NUMANCIA, 5.

ADR Numancia de Ares. Xuvenís 2012-2013. G. Mugardos 2 - Numancia 5. A Pedreira 06/10/12GRANDE O NUMANCIA HOXE EN A PEDREIRA.

Vibrante, como non podía ser menos, o derbi entre Mugardos e Numancia e ao que se chegou con empate a uns ao descaso. Pero unha soberbia segunda metade dos de Ares deulles a vitoria final.


A Pedreira 6 de outubro de 2012.

ALIÑACIONS:

GALICIA DE MUGARDOS: Monty, Juan, Mateo (Alejandro 91´), Fabio, Iván, Rubén, Remus (Jose 88´), Joel, Dasilva (Xurxo 87´), Oliveira e Borja.

NUMANCIA: Xaime (Cristián 46´), Miguelito, Pepe, Adrián, Darío (José Manuel 73´), Martín, Miguel (Marcelo 46´), Ángel (Novoa 35´), Ivi, Borja e Roque.

COLEXIADO: Adrián González Franco. Amoestou a Rubén e Dasilva polo Mugardos e a Martín, Borja e Roque polo Numancia.

GOLES:
0 – 1: Ivi (min. 5)
1 – 1: Dasilva (min. 33)
1 – 2: Borja (min. 55)
1 – 3: Ivi (min. 70)
2 – 3: Adrián (propia porta) (min. 78)
2 – 4: José Manuel (min. 89)
2 – 5: Roque (min. 93´)

 

 

Boa entrada de público hoxe en A Pedreira para ver o derby entre Galicia de Mugardos e Numancia correspondente á terceira xornada do campionato de copa xuvenil.

A primeira metade estivo caracterizada pola igualdade, con minutos de dominio alterno para ambos os dous equipos, pero nos que ningún foi quen de impoñer o seu ritmo de xogo. Serían os de Ares os que se adiantarían no marcador aos cinco minutos de iniciado o partido. O gol chegaría dun balón en profundidade que gaña as costas da defensa local e co que se fai Ivi quen supera de vaselina a saída de Monty. Este tipo de xogada sería o recurso do que tirarían ambos os dous equipos en moitas ocasións ao longo do encontro. E de xogada similar sería como se produciría o empate para o Mugardos cando corría a media hora de xogo, nesta ocasión Dasilva fronte a Xaime resolve o man a man de disparo raso. Con anterioridade o Mugardos dispuxera de dúas boas ocasións a balón parado que non aproveitaron. Con empate a un gol marcharíamos ao descanso.

No arranque da segunda metade o Numancia saíu algo durmido e durante os dez primeiros minutos custoulle desfacerse da forte presión local. Malia iso serían os de Ares os que se volverían adiantar no marcador. O autor do segundo gol numantino sería Borja ao transformar un libre directo dende o semicírculo da área que se coa por toda a escuadra, corría o minuto 55 de partido. O Mugardos de novo por detrás no marcador arriscou adiantado as súas liñas e en varias ocasións viuse sorprendido ao contraataque. Nunha desas xogadas, Cristián de forte saque de portaría pon o balón no campo rival e colle a todo o Mugardos adiantado, Ivi en pugna con dous defensas quédase o esférico, e da un pase ao lateral da área sobre Marcelo que entra só, éste internase na área e devolve a Ivi sobre o punto de penalti para que marque a porta baleira o que supoñería o 1 - 3 cando corría o minuto 70. Oito minutos despois e nunha xogada desafortunada para os de Ares, Adrián á saída dun córner marca en propia porta no seu intento de despexar o balón, o partido poñíase 2 - 3. Este gol non desanimou os aresanos que continuaron realizando un bo partido. E o Mugardos ante a posibilidade de empatar volveu arriscar enviando homes arriba e iso foi letal para o conxunto mugardes. Os de Ares, firmes en defensa, premendo no medio do campo e efectivos de cara a porta foron superiores ao conxunto local obtendo o seu xusto premio nos últimos minutos do partido. O 2 - 4, chegaría no minuto 89 froito dunha xogada por banda esquerda do Numancia que finaliza cun pase medido entre a defensa local a banda contraria por onde entra José Manuel libre de marca para remachar ao fondo da rede ante a saída de Monty. E o 2 - 5 chegaría no tempo engadido despois dunha bonita xogada de combinación do Numancia que parte do centro do campo despois dun roubo de balón e que finaliza Roque de disparo axustado ao pau.

En resumo bonito e entretido partido entre veciños que mantivo a incerteza do resultado durante moitos minutos pero que finamente e con xustiza se levou o conxunto aresán.

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.