XUVENÍS. NUMANCIA, 2 - NARON, 3.

ADR Numancia de Ares. Xuvenis 2010-2011. Numancia 2 - Narón 3. Prados Vellos.BON PARTIDO DOS DE ARES PESE A DERROTA.
Despois dunha boa primeira metade a falta de contundencia nos minutos iniciais da segunda condicionoulles o partido os de Ares.


Prados Vellos 9 de abril de 2011.

ALINIACIONS:
NUMANCIA: Xaime, Coco (Dario 66´), Álvaro, Victor (Ezra 70´), Amenedo, Jony (Manu 55´), Ivan, Moabe (Borja 61´), Brayan, Pablo (Pepe 55´) e Juanra.

NARON: Armaldo, William, Victor, David Díaz, David Lombardeiro, Luís (David Rodríguez 77´), Enrique (German 56´), Marcos (Bruno 55´), Adrian, Julen e Marlon (Christian 78´).

COLEXIADO: D. David Sierra Pereira (Delegación de Ferrol). Amonestou a Álvaro, Victor e Pablo do Numancia. E a Marcos e David Pérez (Delegado) do Narón.

GOLES:
Numancia: Iván (60´) e Julen (pp) (68´).
Narón: Marlon (46´), David Díaz (50´) e Adrián (70´).

Tarde calurosa en Prados Vellos pero cunha brisa fresca, tempo ideal para a práctica do fútbol. Viña o Narón xuvenil a tratar de sacar os 3 puntos para aferrarse ás últimas esperanzas de chegar aos postos de arriba e que se lle complicara moito tras a derrota no transcendental partido en Cedeira. Primeira parte moi movida, cun Numancia xuvenil tratando de elaborar máis o xogo e un Narón perigoso á contra, que puxo en varios apertos á defensa numantina que incorporaba moitos homes en ataque. Quizais algunha ocasión máis clara para o Narón, pero coa igualada inicial marchan os dous equipos aos vestiarios.

Como sempre, fundamental os primeiros minutos de xogo da segunda parte, e aí o Narón levouse o gato á auga. No minuto 46, unha perda de balón do Numancia na área do Narón provoca un contraataque directo dos visitantes, que ante a imposibilidade de parar os xogadores por parte dos defensas numantinos, acaba cunha internada por banda esquerda de Adrián e un centro raso que culmina en gol Marlon. Saíron durmidos os aresáns nesta segunda metade, e tan só catro minutos despois, un córner do Narón é rexeitado de puños por Xaime que non acerta a afastalo o suficiente; David Díaz remata de cabeza, o balón supera a Xaime e Álvaro debaixo dos paus non é capaz de despexar, 0 - 2. Poñíanse as cousas complicadas para os numantinos e comézase a mover o banco. Os locais continuaban con gañas, e aos 15 minutos, boa presión dos de Ares que conseguen roubar o balón en zona avanzada por mediación de Moabe quen coloca un bo pase para a entrada de Iván na área que remata raso e cruzado para acurtar distancias no marcador, 1 - 2. Continuaba o Numancia intentándoo con algunhas boas combinacións, a mellor delas culmínaa Víctor cun tiro que se marcha alto.
Aos 23 minutos, saque de esquina pechado que bota Iván e Julen, en malogrado rexeitamento, introduce o balón na súa propia porta. Conséguese o empate. Pero pouco dura a alegría na casa do pobre, pois nada máis sacar de centro o Narón nova falta de contundencia na defensa numantina, e nunha xogada de contraataque dos visitantes por banda esquerda, con disparo final de Adrián conseguen adiantarse de novo no marcador. Distancia que sería definitiva a pesar de que o Numancia dispoñería de boas ocasións nos pés de Juanra, Brayán ou Ezra, así como en saques de esquina, que non acertarían a culminar os dianteiros aresáns.

De novo, como tantas veces este ano, a falta de contundencia acábanos matando. Finalizou o partido sen máis historia que as boas sensacións, e por momentos, o bo xogo ofensivo. O Numancia xuvenil ocupa os últimos postos da clasificación, pero este ano os resultados non foron xustos, porque se nos escaparon moitos puntos en partidos moi igualados. Non hai que mirar máis que o alto da clasificación onde agás o Animas que nos gañou con contundencia os dous partidos, os outros "gallitos" da liga sufriron contra nós, o Narón gáñounos os dous partidos pola mínima, o Cedeira non pasou do empate en Ares e o Perlío gañou por un gol en Ares pero de xeito inxusto.

Cando os resultados non chegan hai que volver á esencia, e a esencia do fútbol é o balón, o xogo. Se xogas ben e non gañas quedas polo menos co sabor agridoce de telo feito ben. Pero se xogas mal, e aínda por enrriba perdes, non che queda nada a que aferrarte. Os xuvenís levan agora 3 partidos seguidos onde se recuperou a esencia do xogo, de querer xogar, de querer facelo ben, esquecéndose un pouco da clasificación, que xa non ten solución, aconteza o que aconteza. Espero que nos tres partidos que quedan para rematar a liga, nos quede polo menos esa esencia á que me refiro, de polo menos practicar un bo fútbol e disfrutar xogando, porque iso é o marabilloso do fútbol. E porque pase o que pase, ao ano seguinte, á tempada seguinte, ao mes seguinte, á semana seguinte, ou o día seguinte o balón volve rodar e vólvenos dar a oportunidade de ser felices con él e co marabilloso deporte que é o fútbol.

Si queres ler a crónica da web do Narón e ver fotos do partido PICA AQUI.

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.