Cadetes. Numancia, 3 - Galicia de Mugardos, 0

SDR Numancia de Ares. Cadetes 2009-2010. Numancia 3 - G. de Mugardos 0. Prados Vellos.Vitoria dos aresás no derbi comarcal.


  O Numancia moito máis enteiro superou con facilidade ao Mugardos. 

Sábado, 23 de xaneiro do 2010.

18ª Xornada, categoría cadete, 2ª autonómica, grupo 4º.
NUMANCIA, 3 – GALICIA DE MUGARDOS, 0.
Alineacións:
NUMANCIA: Carlos, Pepe, Adrián (Xaime min. 41), Ángel, Quique, Miguel Piñeiro (David min. 55), Ricardo (Antonio min. 64), Javi (Juan min. 64), Brayan, Edu e Miguel López (Roque min. 67).
GALICIA DE MUGARDOS: David (Cristián Fernández min. 57), Juan, Mateo (Remus min. 54), Adrián, Cristián Cortizas, Rubén, Pita, Álvaro, Andrés (Guillermo min. 61), Borja e Diego (Alexis min. 61).
COLEXIADO: Brais Ferreiro Verez.
CARTÓNS: Viron cartón amarelo Quique e Antonio polo Numancia e David, Juan e Rubén polo Mugardos.

COMENTARIO:
Tres importantes puntos eran os que se xogaban aresás e mugardeses para manterse vivos na parte media da táboa, que disputan ata cinco equipos, e que ao final levaron merecidamente os de Ares.
A primeira metade estivo bastante igualada e a amboslos dous conxuntos custoulles entrar en xogo. Palpábase a tensión e os nervios do choque, ninguen quería sair derrotado. Froito diso non sería ata os dez minutos de xogo cando se chegaría con certo perigo a ambas porterías. Nesta primeira metade moito xogo no mediocampo sen un dominador claro e poucas ocasións, ao final da mesma os de Ares marcharían aos vestiarios con unha ventaxe mínima no marcador.
Na segunda metade un Numancia máis mentalizado e metido no encontro superou a un Galicia que a medida que pasaban os minutos, e logo de encaixar o segundo tanto, veuse abaixo e apenas inquietou a área aresá. Pola contra os de Ares esporeados por ese segundo gol e moito máis enchufados e mentalizados envorcáronse no xogo e o acoso ao área mugardesa foi case constante no que restou do encontro.
Felicitar aos rapaces que están facendo unha esplendida segunda volta. Pois co partido de hoxe, van cinco consecutivos puntuando, tres vitorias e dous empates, estes últimos colleitados ante equipos da parte alta da táboa, Eume e G. de Caranza. Noraboa, e a seguir así, este é o camiño.

MINUTO A MINUTO:
1ª METADE:
M 8: Quique bota un corner en curto sobre Ángel que dispara a porta, o balón peta nun defensa, queda morto na área, recólleo Brayan pero está lento no seu caneo e perde a oportunidade de disparo.
M 11: corner que bota o Mugardos en curto sobre Pita, éste dispara desde o pico da área pero o balón vaise por riba do traveseiro.
M 20: balón en profundidade ao pico da área sobre Edu, recolle e dribla a Adrián, vaise por velocidade, encara a meta pero adiantase en exceso o esférico e perdeo pola liña de fondo.
M 31: xogada pola banda de Pita que alcanza a liña de fondo, centra e o balón paséase pola área numantina sen atopar rematador.
M 33: disparo de Miguel López dende fóra da área que David rexeita con dificultade quedando o balón morto na área mugardesa, Edu moi atento e máis rápido que Adrián e David, mete a punteira da bota e envía o esférico ao fondo das mallas, 1 - 0.
M 36: corner que bota o Numancia, o gardameta mugardes, David, toca o suficiente coa punta dos dedos para que Edu non remate con claridade, o balón marcha pegado á base do pau.

2ª METADE:
M 41: libre directo que lanza o Mugardos próximo ao pico da área aresá, o balón sae preto do pau.
M 48: centro de Miguel López ao área do Mugardos que Edu remata moi forzado enviando a corner David.
M 52: libre directo dende a medialua da área mugardesa que Edu maxistralmente envía ao fondo das mallas para establecer o 2 - 0.
M 55: forte disparo de bolea de Edu dende fóra da área que David de espectacular estirada envía a corner.
M 61: roubo de balón de Ricardo en mediocampo, pase en profundidade ás costas dos defensas mugardeses que recolle Edu, regatea ao seu marcador intérnase na área e de forte disparo a media altura bate a Cristián, 3 - 0.
M 69: xogada individual de Brayan pola banda esquerda, alcanza a liña de fondo, centro a media altura que remata Edu de bolea e detén Cristián de espectacular parada.
M 75: xogada individual de Edu pola banda esquerda, intérnase na área, centro á semilua que Ángel remata según ven, pero o seu forte disparo vaise pegado ao pau.
 

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.