CADETES: NEDA, 1 - NUMANCIA, 2
GRAN COMEZO DE COMPETICIÓN PARA OS CADETES NUMANTINOS
O venres ás 18:00 no Municipal de Neda, os cadetes numantinos inauguraban a temporada oficial do Numancia. Comezaba a competición de Copa, competición que serve tamén para definir os grupos para a competición de Liga.
Ares, 2 de setembro de 2017.
Partido correspondente á primeira xornada do grupo B da categoría cadete, dentro da 1ª fase da competición de Ferrol.
FICHA TÉCNICA:
RÁPIDO DE NEDA: Dani,Isma, Fabio, Imanol, Izan, Alex, Cristian, Teo, Iván, Alejandro, Javi, Dylan, Pelayo, Óscar e Martín.
Adestrador: Victor Hermida.
Delegado: Alfonso Piñeiro.
ADR NUMANCIA: Miguel Iglesias, Alberto, Pablo, Martín, Diego, Mario García, Emilio, Mario Martínez, Telmo, Migui, Óscar, Aaron, Chechu e Raúl.
Adestrador: Juan Alberto Rodríguez.
Delegado: Jose Antonio Martínez.
COLEXIADO: Gonzalo Abol Rodríguz. Amonestou a Javi no Neda e Diego no Numancia. Expulsou por dobre cartón amarelo a Juan Alberto (adestrador) no Numancia.
COMENTARIO: Comezou pronto esta temporada a competición de cadetes. Moito mérito o dos 8 rapaces con ficha de cadete do Numancia que coa gran axuda dos infantís están realizando un bo arrinque de temporada. Nunha tarde perfecta para a práctica do fútbol no Municipal de Neda, vimos unha primeira metade con moito centrocampismo e sen ocasións claras de gol para ningún dos dous equipos. O mais salientable deste primeiro acto foi a lesión do xogador do Numancia, Mario García cunha escordadura de nocello, polo que tivo que ser substituído aos 15 minutos. Desexámoslle a Mario unha boa e pronta recuperación. Co resultado de 0-0 chegábase ao descanso.
Na segunda metade abriuse o partido, os locais querían buscar o gol, pero un Numancia ben posicionado abortaba as ideas do Neda e mesmo saía ao ataque con perigosos contragolpes. Oscar a piques estaba de encontrar o gol nun remate que atallaba o porteiro local. Noutro contraataque, chegaba o 0-1 por medio de Telmo no minuto 48, aproveitando un balón morto na área rival para mandalo por enriba do porteiro nedense. Reaccionou o Neda, e Miguel con dúas boas paradas e Pablo Cartelle na mesma liña de gol, evitaban o empate do Neda. O 1-1 chegou no minuto 75, cando Javi conseguía sorprender ao noso porteiro Miguel cun disparo lonxano. Non se desanimou o Numancia, e practicamente despois de sacar de centro, chegaba o balón á área nedense. Un defensa local despexaba un balón que caía nos dominios de Migui, que sen deixala caer realizaba un gran disparo coa súa perna dereita mandando o balón á mesma escuadra da portería local, establecendo o 1-2. Tocou sufrir para aguantar o resultado nos cinco minutos restantes máis o tempo engadido polo colexiado. Pero por sorte, os cadetes do Numancia conseguían a sua primeira vitoria na competición de Copa, que a bo seguro dará moita confianza e ganas de traballar aos rapaces de cara as vindeiras semanas.
O próximo partido do Numancia será ante o Amistade Meirás en Prados Vellos a vindeira semana.
¡¡¡AUPA NUMANCIA¡¡¡