CADETES. NUMANCIA, 2 - ORTIGUEIRA, 6

ADR Numancia de Ares. Cadetes 2010-2011. Numancia 2 - Ortigueira 6. Prados Vellos.E MENOS MAL.
O conxunto aresán acuciado polas baixas pouco puido facer ante a superioridade do Ortigueira.


Ares 12 de febreiro de 2011

ALINIACIÓNS:
NUMANCIA: Xaime, Deive (Cabana 40´), Juan, Pepe, Dario, Adrian (Roque 40´), Adri (Andrés 50´), Migui, Borja, David e Miguelito.

ORTIGUEIRA: David, Adrián (Miguel 32´), Nacho, Cristian Pérez, Álvaro, Bruno, Cristian Ramírez (Diego 45´), Martín, Carlos (Javier 61´), Sergio e Manuel (Luis 49´).

COLEXIADO: D. David Díaz Casas (Delegación de Ferrol). Amonestou a Juan polo Numancia, e Bruno polo Ortigueira.

GOLES:
Numancia: Borja e Juan
Ortigueira: Martín (4), Nacho e Álvaro.

 



Partido moi complicado hoxe para os cadetes de Ares ante o Ortigueira, un dos equipos chamados a pelexar polo titulo de liga, un conxunto moi ben armado, física e técnicamente e cun fútbol de moita calidade. A este hándicap hai que engadir que o equipo local se presentou ao choque con moitas baixas: lesións, vacacións, outras actividades deportivas e ¿algún?, minguaron e moito os efectivos do conxunto numantino que acusouno en exceso, e máis, ante un rival como o Ortigueira. Baixas que sen lugar a dúbidas restaron espectáculo ao choque. Malia iso os de Ares pelexaron e deron unha mellor imaxe que a que nos ofreceron na pasada xornada. Pero cando te encontras ante tales circunstancias pouco ou nada podes facer para salvar os mobles. Foi unha dura e dolorosa goleada que hai que encaixar sen máis, levantar a cabeza e tirar para diante. Ao longo da semana haberá que tratar de recuperar ao maior número de efectivos posibles para chegar ao choque ante o Portuarios "B" nas mellores condicións.

Do partido pouco hai que contar, prácticamente foi un monologo dos visitantes, que nada máis comezar o encontro tomaron as rendas do mesmo, impuxeron o seu xogo e dominaron de principio a fin. Os de Ares pelexaron por contrarrestar o xogo do rival, pero non lles foi nada doado, pois víanse superados con facilidade pola rapidez dos dianteiros rivais. Os visitantes, tamén se apoderaron do mediocampo e en defensa fixeron un fortín nada doado de superar pola dianteira local. Aínda así, os de Ares á contra conseguiron en varias ocasións chegar con algo de perigo á meta contraria, aproveitando as escasa ocasións das que dispuxeron.

A primeira metade comezou cun gol temperán do Ortigueira, propiciado por unha perda de balón en mediocampo, co que se fai Martín, arranca con velocidade pola banda deixando atrás á defensa local, internase na área e bate a Xaime de disparo cruzado, 0 - 1, cando corría o minuto cinco. O segundo gol visitante chegaría no 16´, balón ás costas da defensa local que controla Álvaro, dispara, rexeita en primeira instancia Xaime, pero o rexeitamento favorecelle ao dianteiro visitante que no seu segundo disparo non falla, 0 - 2. E no minuto 29´, un fallo da defensa local serve en bandexa o balón a Martín para que marque o terceiro, 0 - 3. Resultado co que chegaríamos ao descanso. Por parte dos de Ares, nesta primeira metade do encontro apenas chegaron nun par de ocasións á meta rival. A ben armada defensa do Ortigueira e a escaseza de efectivos no ataque local tampouco deron para moito máis.

A segunda metade comezou con moita intensidade que se viu reflectida no marcador. No 44´ os de Ares acurtarían distancias por medio de Borja ao saque dun libre directo, 1 - 3. Un minuto despois, o Ortigueira, sorprende cun balón ás costas da defensa numantina que recolle e transforma Nacho no cuarto para os visitantes. E no 49´, serían de novo os visitantes nunha xogada de contraataque que chega a Martín para marcar o quinto. Co partido totalmente roto e durante o cuarto seguinte o Ortigueira chegaría con moito perigo á meta local, na que varias boas intervencións de Xaime, evitarían que subisen máis goles ao marcador. Durante a última fase desta segunda metade os visitantes relaxáronse durante algúns minutos, que foron aproveitados polos numantinos para ofrecernos os seus mellores momentos do encontro. Neste período chegaría o segundo gol local, pase de Borja ao lateral da área sobre Juan, intérnase e de forte disparo bate a David, 2 - 5. Sen tempo para a relaxación, un minuto despois, rapidísima xogada pola banda do Ortigueira, con disparo final de Martín para marcar o cuarto gol na súa conta particular da tarde, e definitivo 2 - 6, co que chegaríamos ao final do encontro.

Non queda máis que felicitar ao Ortigueira pola vitoria hoxe en Prados Vellos e animalos na súa andaina cara ao titulo de liga, que a bo seguro será un dos equipos que estará na loita por éste. En canto ao Numancia, felicitar os que hoxe deron a cara no encontro e que a pesar de todas as adversidades loitaron por deixar o pavillón ben alto, non puido ser, pero a pesar de todo os atrancos intentáronno. Durante a semana haberá que continuar adestrando, exercitándose, e confiar en que a sorte nos acompañe para recuperar efectivos de cara ao próximo encontro.

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.