MARCOS, ADESTRADOR DO NUMANCIA DE AFECCIONADOS
"FAREMOS O POSIBLE PARA GAÑAR ESTE DOMINGO AO GALICIA"
Marcos Amor, que seguirá unha temporada máis coma adestrador do equipo de afeccionados do Numancia, ofrécenos os seus comentarios tras o primeiro partido amigable co Cabanas e nas vésperas de verse co Galicia Mugardos.
Ares, 12 de agosto de 2016.
O domingo 14 de agosto, ás 19.00 h.o Galicia de Mugardos visitará Prados Vellos para disputarlle ao Numancia o trofeo das Festas de San Roque e pareceunos un bo motivo para entrevistar ao adestrador do Numancia, Marcos Amor, quen nos adianta un análise do que será o Numancia da temporada 2016/17.
- Xa arrancou a temporada 2016/17 e vides de disputar o primeiro amigable, como viches o equipo?
- Con bastantes imprecisións pero moi contento por que iremos a máis grazas ao gran grupo de xogadores que hai.
- Con respecto á temporada pasada, o Numancia presenta unhas 7 baixas. Que valoración che merecen?
- Pois son baixas importantes porque son xogadores que levaban moitos anos no club, pero os deberes laborais e de estudos están sempre por riba do fútbol, cousa lóxica. Despois outras baixas prefiro non valoralas.
- Entre as altas, a día de hoxe, destacan a presenza dun bo número de xogadores procedentes dos xuvenís. Estarán en condicións de mellorar o equipo?
- Fixo que si. Este grupo de xogadores xa os tiven no meu ùltimo ano de xuvenís e son rapaces moi comprometidos, traballadores e sempre queren aprender e sobre todo humildes, cousa importante para crecer en todos os aspectos como xogadores ou coma persoas.
- Coma única fichaxe podemos citar a volta de Álex Marti. Leva tres anos sen xogar e non temes que acuse a inactividade? Que aportación esperas del?
- Esta bastante verde, cousa lóxica despois de tanta inactividade pero como di o dito "quen tivo retivo" e con traballo será o Álex Marti de anos atrás. Pois esperamos de Álex que nos dea xogo aéreo, traballo defensivo sobrio e en ataque bo trato de balón, e algo de veteranía para un equipo moi novo.
- O cadro de xogadores, practicamente pechado, ofréceche garantías para intentar loitar polos primeiros postos?
- Iso o tempo dirá onde estaremos pero nós sempre saímos a gañar en todos os campos así que se iso é así loitaremos con calquera para estar o máis arriba posible.
- Se tiveses que reforzar o equipo nalgunha posición, cal sería esa principal necesidade?
- En zonas de bandas, tanto en defensa como en medio campo.
- Este domingo temos unha proba de alto nivel cos veciños de Mugardos. Aínda que descendidos de categoría, segue existindo unha diferenza importante entre un equipo de Preferente e outro de Segunda. Temes unha goleada?
- Para nada, como dixen antes, saímos a gañar ante todos os rivais, sexan da categoría que sexan, así que faremos o posible para gañar aos veciños do Mugardos
- Xa viviches algún derbi, aínda que fose co Mugardos B. Como valoras estes partidos?
- Moi positivamente sempre é bo enfrontarse a equipos de superior categoría e a rivalidade sa sempre é positiva tanto para o equipo como para os clubs.
- Pensando na Liga, cales che parece que serán os equipos favoritos para estar nos primeiros postos?
- Narón , Caranza, Perlío e Ortigueira.
- Por certo, como explicas a retirada dun equipo histórico coma o Cariño?
- Pois non me gusta porque é o de sempre, a xente busca fóra o que ten na casa e deixan tirados os seus amigos e clubs que fixeron todo por eles, para vivir novas experiencias.
- Estás de acordo co actual formato da Liga? Como se podería mellorar?
- Gústame máis o de hai dous anos, a liga de sempre sen liguiñas pero se este sistema serve para potenciar o fútbol de Ferrolterra hai que aceptar o que nos toca.
- E a Copa de Ferrol? Algunha suxestión de mellora?
- Para min a Copa está ben, non cambiaría nada.
Pois ata aquí as primeiras impresións deste técnico, novo pero xa veterano na Liga de Ferrol, a quen lle desexamos os maiores do éxitos na temporada que está a piques de comezar.