Entrevista: ANTONIO, ADESTRADOR DO EQUIPO ALEVÍN DO NUMANCIA

 
Entrevista. Temporada 2009-2010. ANTONIO, ADESTRADOR DO EQUIPO ALEVÍN DO NUMANCIAComezamos unha nova sección na nosa web: ENTREVISTAS. Desexamos que a través desta sección poidamos ir coñecendo as distintas opinións dos personaxes achegados ao noso club e tamén recoller toda aquela información referente á historia do Numancia.

S.D.R. Numancia de Ares. temporada 2009-2010. Antonio Entrenador AlevinesAproveitamos hoxe a ocasión para presentar ao adestrador do equipo alevín para a próxima temporada, Antonio González. A través desta entrevista coñeceremos cales foron os seus comezos futbolísticos, coma xogador e coma adestrador. Tamén nos adiantará a súa filosofía de traballo e a súa opinión sobre o fútbol de base.

    En primeiro lugar, rememora os seus primeiros pasos coma futbolista. Lembra Antonio como empezou a xogar ao fútbol no seu barrio de Ferrol Vello, co equipo do Portuarios onde xogaría varias temporadas, o equipo onde xogaron os seus irmáns, os seus sobriños, onde xogaban os nenos do barrio. Tamén militou no Canido e no Praza de Armas :
“Eran tempos nos que só había fútbol, a maioría dos xogadores eramos do barrio”.
     Recorda tamén os dous campos de fútbol que había: o de Aneiros e o de San Juan. Asimesmo, “adestrabamos na praza do peixe, no cemento, cun balón para todos. Alí non se lles ocorría aos nenos de hoxe tirarse ao resbalirllo como agora.  Antes iamos andando nós sós, mentres que agora os pais levámoslles a bolsa, mimámolos e témolos superprotexidos. Están vixiados as vinte e catro horas”.
    Sinala que o Portuarios era un dos bos equipos, “mesmo tiñamos ducha no local e dábanos roupa e tenis”
    Repite unha das súas máximas repetidas ao longo desta entrevista: “O mellor valor do fútbol é a posibilidade de facer amigos, sempre lle digo aos fillos: o fútbol vale para facer amigos, no teu equipo e nos demais”.

HISTORIAL COMO ADESTRADOR
    Unha segunda parte da entrevista céntrase na súa experiencia como adestrador. Coméntanos como foron os seus inicios:
“Empecei no Cabanas aló polo ano 96: estaba eu adestrando co equipo para non perder a forma, e a falta dunha semana para comezar a liga, o adestrador desapareceu. Entón pedíronme que me fixera cargo do equipo, “coméronme o coco”. Anteriormente dixéranme no Portuarios se collía algún equipo de nenos, mais non me vía capacitado e rexeiteino . Nesta ocasión non foi así e collín aos afeccionados do Cabanas. Ao ano seguinte formaron categorías de base e eu collín os cadetes cos que estiven un par de anos para despois continuar cos xuvenís. Foron uns anos inesquecibles e sempre dixen que nunca tería outro equipo como aquel. Eran uns rapaces excelentes, unha directiva magnifica, coma tamén algúns pais que sempre axudaban. Aínda hoxe constitúe para min un orgullo cando os atopo en calquera lugar e falar con eles. È algo irrepetible, xa que neses anos adestrei a moitos nenos e a calidade humana que tiñan os rapaces e que seguen tendo é de matrícula de honor. O día de mañá non nos acordaremos do resultado dun partido pero si fixeches un bo amigo, este quédache para toda a vida. Foi a mellor etapa, deixaron o listón moi alto. Íamos polos campos e sempre respectamos aos rivais, aos árbitros, foi unha etapa marabillosa”
    Na temporada 2000-01 veu para Ares a botarlle unha man a Colé cos xuvenís e tamén lle axudou a Bardanca quen dirixía os cadetes. Lembra que foron Colé e Manel, compañeiros seus na Bazán, os que o convenceron para que viñera ao Numancia. Foi unha breve etapa en Ares, posto que en xaneiro rematou esa primeira experiencia (agardemos que nesta segunda volta poida traballar durante máis tempo).
    En xaneiro do 2001 regresa ao Cabanas (durante unha temporada compaxinou este equipo cos prebenxamíns do Eume, formación que participaba no torneo de Centieiras (“había xente excelente, coma Humberto, organizando o torneo")
    Posteriormente adestra no Eume (dous anos cos infantís: 2004-2006)e no Miño (outros dous anos cos xuvenís: 2006-2008)
    E, a temporada anterior, 2008/09, disfrutou dun ano sabático
S.D.R. Numancia de Ares. temporada 2009-2010. Antonio Entrenador Alevines

NO NUMANCIA ALEVÍN

    Chegamos a xuño de 2009 e encontrámolo comprometido co Numancia, de aí a pregunta: Por que de novo o Numancia?
“Esta temporada pasada o meu fillo xogou nos xuvenís do Numancia, e a min gústame colaborar un pouquiño onde está o meu rapaz. Pedíronme se podía axudar e non me puiden negar.”
    Interesámonos tamén por  coñecer a súa opinión sobre a entidade:
“Os equipos que collen unha zona coma pode ser o Ortigueira, Cedeira, Numancia, teñen máis posibilidades de sobrevivir, reúnen máis potencial, todo o contrario dos equipos de barrio de Ferrol que teñen que buscar nenos procedentes doutros lugares. Neste senso, o Numancia ten a sorte de poder contar cos rapaces do contorno e ademais, conta cun campo de herba artificial, con iluminación e proximamente vai ter unha grada, polo que considero que ten un potencial grande”

Algún obxectivo persoal para esta vindeira temporada?
“Como dixen anteriormente, o obxectivo é conseguir que exista bo ambiente, que os nenos se divirtan, todo dentro da disciplina necesaria e adecuada á idade destes cativos. E tamén lograr o respecto en dúas direccións: do equipo cara os xogadores e dos xogadores cara o equipo".
       -   Como serán os adestramentos?            
"Trátase de que os nenos adquiren un mínimo nivel técnico, de que saiban colocarse no campo e tomar as súas decisións. Non lles imos esixir a táctica do fóra de xogo nin o contraataque. Debemos adecuar os adestramentos ás súas idades e ser conscientes que nas categorías superiores (infantís, cadetes) irán completando a súa formación e que deben chegar sen carencias. Aquí collen as caracteristicas técnicas e tácticas apropiadas para a súa idade. É moi importante que cada xogador poida dispór dun balón para que poidan aprender a dominalo: control, pase, ... Os exercicios deben ser sempre con balón, que os nenos teñan o balón pegado ao pé, agás unha mínima parte na que prescindiremos do mesmo".
    -     É partidario de repartir os minutos do partido entre todos os nenos?
"Por suposto, teñen que xogar todos. Ademais, hai que pensar que os que teñan máis carencias non poden mellorar sen minutos de xogo. Ocorre que os pais non teñen a suficiente paciencia, están coma loucos para gañar os partidos."
Engade tamén que resulta conveniente intentar que os xogadores proben distintas posicións no campo.

Para rematar demandámoslle unha valoración do fútbol da comarca:
“En poucos anos van desaparecer equipos porque a xente se cansa de traballar e, por encima, non teñen nin o agradecemento; ao contrario, reciben atrancos, críticas, todo menos colaboración. En consecuencia, e ante a falta de relevos para toda esta xente, penso que hai equipos que van desaparecer. A maiores, existen clubs que presentan catro ou cinco equipos por categoría e ... quen lles di que non o fagan. O ideal sería que cada barrio puidese presentar o seu equipo. Nesta problemática, si me parece correcta a posición da AFACO limitando aos seus asociados a inscrición de equipos cando participen na Liga Galega,  coa correspondente colaboración do resto dos clubs prestándolles xogadores. Aínda así hai que valorar cada caso particular e ver se é positivo tanto para o club coma para o rapaz. Pensemos que os xogadores tamén deben responder no tema dos estudos e teñen a dificultade de adestrar máis horas, dos desprazamentos, ... En canto ao equipo, non deberia haber problema sempre que teñan xogadores para completar os equipos."

Agradecémoslle a Antonio o tempo que nos dedicou para a realización desta entrevista e desexámoslle que poida conseguir todos eses obxectivos sinalados.

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.