INFANTÍS. ADESTRADOR
TONI: “SE CANDO REMATEMOS A TEMPORADA, SEGUEN TODOS OS NENOS, TODOS XOGARON E MELLORARON E HAI UN BO GRUPO DE AMIGOS ESA SI QUE É UNHA “BOA POSICIÓN”.
Despois duns meses de descanso, Antonio González (Toni) volve aos banquiños, nesta ocasión cos infantís. A primeira cita en Prados Vellos será o martes, 17 de agosto ás 10.30 h.
Ares, 11 de agosto de 2011
– Toni, F-7 ou F-11, que preferes?
Gústanme as dúas modalidades, mais levaba un par de anos en F-7 e é bo momento para pasar a F-11.
– Como ves o salto de alevíns a infantís?
– É complicado, xa que futbolisticamente é o troco máis complexo para os nenos: aumenta o tempo de partido, as dimensións do campo, o número de xogadores, etc.
– Xa coñeces os rapaces, pois traballaches con eles hai dous anos. Que valoración fas do equipo?
– Son un bo grupo, son bos rapaces e futbolisticamente gústalles tentar xogar ben ao fútbol. Tamén teño que dicir que hai algún que non coñezo.
– Por liñas, atréveste a describirnos o equipo?
– Non, imos escomenzar a adestrar e xa veremos como evolucionan.
– Como serán os adestramentos?
– Esta pretempada vaime axudar o meu fillo Paulo, e entre os dous tentaremos que sexa o máis divertido posible. Haberá moito balón, mais como todo o mundo sabe ten a súa parte de sacrificio.
– Nesta etapa de infantís, consideras que debe intensificarse a preparación física?
– É un paso máis na preparación dos nenos, e como dicía antes de trocos en canto a dimensións e tempo de xogo, polo tanto si que ten que notarse tanto nas esixencias técnico-tácticas coma físicas.
– Hai tempo para corrixir defectos e pulir aos rapaces?
– Si que hai. O mellor é que o neno veña de categorías inferiores e traia xa certos aspectos traballados, mais hai tempo para corrixir e pulir.
– Que lles pedirás aos nenos?
– O que lles digo sempre, ante todo educación, facer grupo e vir con gañas de aprender e mellorar.
– Na pretemporada adestraredes tres días semanais. As túas vacacións van estar condicionadas por esta dedicación ao Numancia?
– Si é verdade, mais para iso son as vacacións, pra adicalas ao que lle gusta a cada un, no meu caso é o fútbol.
– A vocación é necesaria para “perder” tempo cos rapaces. Aínda che quedan gañas?
– Quédanme moitas, de feito xa o botaba de menos e estou desexando escomenzar.
– A túa familia comprende e apoia esta faceta túa?
– A miña muller Amada xa me coñeceu ligado ao mundo do fútbol; Antón e Paulo, os meus fillos, son futboleiros coma min; a máis critica é miña nai sobre todo ultimamente.
– Por que o Numancia e non outro equipo?
– Para min nestes intres e respectando os demais clubs, é o mellor equipo; ten a mellor afección, unhas boas instalacións, unha directiva magnífica, moi bos rapaces e bo ambiente entre adestradores.
– Na competición ferrolá esperades alcanzar unha boa posición?
– Iso de partida nunca se sabe, non coñeces aos outros equipos e ademais “boa posición” é relativo. Para uns iso é ser primeiro e para outros, terceiro. Xa se fará a valoración ao final da tempada. Ademais iso é secundario, temos outras metas, se cando rematemos seguen todos os nenos, todos xogaron e melloraron e hai un bo grupo de amigos esa si que é unha “boa posición”. Isto non quita para que cando saiamos ao campo tanto a adestrar como a xogar o fagamos ou intentémolo facer a tope.
– Recolles un equipo que acaba de proclamarse campión de copa. Ves posible repetir esa campaña?
– É moi difícil.
– Como adestrador, interésaste por coñecer como traballan outros equipos no fútbol-base? Que modelos citarías, sexan da comarca, provincia, país,...
– Charlo con compañeiros e intercambiamos opinións, lendo revistas especializadas mais tampouco teño moito tempo para profundizar máis no tema.
– Botas de menos unha maior colaboración por parte dos equipos “grandes” cos equipos modestos?
– Si, os equipos representativos de cada cidade deberían volcarse máis cos equipos de base, xa que ademais todo o que melloren estes equipos repercute no seu beneficio. Unha maneira que se me ocorre sería que os seus adestradores desen charlas, ou algunha maneira de ter un enlace con eles para solventar algunha dúbida que se poida ter.
– O novo equipo directivo da galega vén de suprimir o torneo de seleccións comarcais. Que opinión che merece?
– Non podo opinar, non sei as razóns polo que adoptaron esta decisión.
– En Ferrol, na categoría infantil só teremos un representante na liga galega, o Caranza. Por que non haberá máis equipos ferroláns? Traballase mal nos equipos? Hai poucos nenos? ..
– Antes achacábase á falla de instalacións, por ex., mais ultimamente isto mellorou. Eu coido que moitas veces nin pais nin moitos clubs non están interesados en ter que facer desprazamentos longos cada 15 días. É algo que había que analizar entre federación, clubs, etc.
– Imos con datos persoais:
– Un defensa?
– Djuckic.
– Un porteiro?
– Diego López.
– Un medio?
– Fran e Mauro Silva.
– Un dianteiro?
– Bebeto.
– Un equipo?
– Numancia de Ares.
– Un adestrador?
– Arrigo Sachi.
– Unha cidade ou vila?
– Ferrol.
– Un país?
– Galicia.
– Unha profesión?
– Adestrador de fútbol.
– Un político?
– Ningún.
– Unha praia?
– Doniños.
– Unha comida?
– Moitas.
– Un libro?
– Obras Completas de Rosalía de Castro.
– Unha película?
– Moitas.
– Unha bebida?
– Cervexa.
– Unha muller?
– Miña nai, miña muller e as miñas irmás.
– Un home?
– Meu pai, meus fillos e meus irmáns.
Como acabamos de comprobar, Toni ten moitas gañas de comezar esta segunda etapa no Numancia, así que só queda desexarlle toda a sorte do mundo e que consiga os obxectivos sinalados.