CADETES. ADESTRADOR
DANI: “O NUMANCIA É O EQUIPO DA MIÑA VILA, ONDE ESTÁN OS MEUS AMIGOS”
Dani Iglesias Montero repetirá esta temporada adestrando aos cadetes aresáns tendo coma colaborador a Oliveira. A presentación será o mércores, 17 de agosto, ás 18.30 h. en Prados Vellos.
Ares, 10 de agosto de 2011
– Dani, unha temporada máis cos cadetes. Era o que querías?
– Si, porque levo xa dous anos adestrándoos. É un grupo bo e non quería dar o salto aos xuvenís porque penso que é unha idade moi difícil .
– Vas ter un equipo moi renovado. Como o ves?
– Só quedan seis xogadores da temporada pasada e soben doce de infantís. Paréceme que imos formar un bo grupo. Os rapaces que soben xa xogaron moitos minutos en infantís e os cadetes que quedan tamén xogaron moitos minutos.
– Algún obxectivo, en particular?
– Non, só intentar xogar ao fútbol.
– E que entendes por “xogar ao fútbol”. Poderías explicalo?
– Pois, podo resumilo en intentar ter o balón, dominar o partido, non xogar para un xogador só, non depender de ningún xogador, e meter goles.
– Cóntanos un pouco a túa traxectoria como adestrador (aínda que es xoven, xa levas unhas temporadas colaborando). Cando comezaches e como foi que deches ese paso?
– Comecei cos prebenxamíns hai seis anos. Xogaban a fútbol-7. A min gústame moito o fútbol e naqule ano quedaba esa categoría sen adestrador. Falou comigo un compañeiro, Álex Pérez, e entre os dous fixémonos cargo do equipo durante dous anos.
– Como foi esa experiencia?
– Ben, pero a min en particular non me gusta o f-7. Gústame velo pero non adestralo.
– E logo?
– Coas dimensións máis reducidas as tácticas son diferentes e ademais os xogadores aínda son moi cativos.
– E despois dos prebenxamíns?
– Estiven en infantís con José Juan, tamén dous anos. O primeiro quedamos campións de liga, tiñamos moi bos xogdores coma Edu, Pita, Iván, Carlos, Adán, …
– Parece que fuches ascendendo cada dous anos?
– Efectivamente, porque despois dos infantís pasei a colaborar cos cadetes: o primeiro ano con Fran Bardanca, e esta última temporada eu só. Resultou unha experiencia máis bonita pero tes máis responsabilidade. É preferible ter outra persoa ao teu lado, para repartir a carga de traballo.
– Consideras acertada esta política do club de formar adestradores na casa?
– Iso é acertado sempre que dea resultado.
– Este ano inscribícheste no curso do Nivel I da Escola de Adestradores, curso que vés de aprobar. Como valoras esa experiencia?
– Foi positiva aínda que non como esperaba. Moita teoría e pouca práctica. Pero se aprende bastante
– Que profesores tiveches e que módulos che resultaron máis interesantes?
– Michel Alonso (táctica e técnica): para min son as mateiras máis interesantes, o que realmente importa no fútbol; Fran Beade (preparación física e anatomía): entende moito pero non me resulta tan interesante; Aullón (primeiros auxilios): daba unha materia curta e a clase era entretida; Jaime Villaverde (sicoloxía e socioloxía, e dirección de equipos): son materias importantes e as clases resultaron moi amenas e participativas); Iglesias Villanueva (regras de xogo): estas clases foron as que máis me gustaron porque se presentaban casos prácticos nos que te decatas de que moitas veces as protestas dos xogadores e mesmo adestradores durante os partidos son inxustas e errróneas.
– Entendes que é necesaria esta formación para adestrar aos cativos?
– Si son sincero, non. Si que se aprende pero para min vai saber o mesmo o que ten o título que o que non o ten.
– Voltemos aos cadetes. Que lles vas pedir?
– Compromiso (que veñan a adestrar, puntualidade,) que teñan os pés no chan e que non se crean figuritas
– Como definirías ao Dani adestrador?
– Autoritario non son, si comprensivo.
– Tes algún modelo entre os profesionais?
– Para min o mellor é Mourinho (aproveita e saca o mellor dos xogadores); Guardiola, Ferguson,..
– Vai colaborar Oli contigo. Xa falastes de como ides repartir o traballo?
– O acordo é recén e quedamos en organizarnos proximamente. Si decidimos que en pretemporada adestraremos tres días máis o partido amigable de fin de semana. Comezamos o mércores, 17 de agosto ás 18.30. Os días de adestramento que comezarán ás 19.00 h. son estes:
Primeira semana: adestramento 17 e 18 ; sábado 20: partido cos infantís
Segunda semana: adestramentos 22, 24 e 26; sábado 27: partido co Miño
Terceira semana: 29, 30 e 1; sábado 3: partido co Mugardos.
– Cal é a aspiración na liga?
– Aínda que non se coñecen os equipos, esperamos estar arriba.
– Comenta o nivel dos equipos ferroláns.
– Baixa cada ano máis
– Para rematar esta entrevista, Dani, que é para ti o Numancia?
– O Numan é o equipo da miña vila, onde xoguei toda a vida, onde están os meus amigos, ...
– E como ves a sociedade, actualmente?
– Houbo un cambio grande nos últimos anos, desde que dispoñemos do campo de herba artificial tivemos unha mellora substancial. Por outra parte, o Numancia é un equipo onde se dá un trato familiar que axuda na creación dun clima de convivencia moi grato.
Pois ata aquí estas primeiras declaracións de Dani, un aresán que vive o Numancia coma poucos. Rapaces como este son os que aseguran o futuro da entidade.