XUVENÍS. MARCOS, ADESTRADOR DO NUMANCIA XUVENIL

 “COMA ADESTRADOR SON DIALOGANTE PERO TAMÉN AUTORITARIO ”

Marcos Amor Roel conducirá esta temporada ao equipo xuvenil do Numancia. Seguramente moitos vos preguntaredes quen é este rapaz, así que lle preguntamos directamente:
Chegas novo ao Numancia e os siareiros queren coñecerte. Quen é Marcos Amor?ADR Numancia de Ares. Marcos Amor Roel. Adestrador Xuvenís 2011-2012.
Pois podo dicir que son un rapaz de Viós (Abegondo) que por motivos familiares vivo en Miño. A miña vocación co fútbol levoume no curso 2007-08 a matricularme no primeiro nivel de Técnico de Fútbol na escola do Deportivo, con profesores coma Juanjo Vila (está no Valencia), Devesa (Deportivo, categorías inferiores), Tito Ramallo (Deportivo B), Macario (sicológo das categorías inferiores do Depor). E no curso 2008-09 saquei o segundo nivel con profesores coma Séchu (xuvenil A Depor) ou Javier Pombo (médico do Liceo). Agora estou a rematar o curso do terceiro nivel, anteriormente chamado Nacional.
Cal é a túa traxectoria deportiva, como futbolista e como adestrador?
Coma xogador estiven nos xuvenís do Vizoño e coma adestrador comecei adestrando aos porteiros do Vizoño (foron catro anos) para posteriormente dirixir ao Vizoño B, nas temporadas 2008-09 e 2009-10.
Por que vés ao Numancia? Como xurdiu esta relación?
Foi bastante sinxelo: mandei un currículo, tiven unha entrevista coa xunta directiva e chegamos a un acordo.
Coñeces aos xogadores?
Algúns si, os que estaban na categoría cadete.
Que obxectivos tes marcados para esta temporada?
Os que teña a directiva que penso que principalmente pretenden que os rapaces consigan unha mellora tanto deportiva coma humana, que aprendan.
É inminente o comezo da pretemporada. Xa tes planificado este vindeiro mes de agosto? Sesións semanais de adestramento? Partidos amigables?
Pois practicamente están marcadas todas as sesións e tamén os partidos semanais.
Está de moda valorar dúas filosofías futbolísticas: xogo de control (Barça) ou xogo máis vertical (R. Madrid). Como xogará o teu equipo?
Unha mestura dos dous estilos, polo menos, intentarémolo
Nos primeiros días a participación nos adestramentos é alta e sempre se prometen valores coma “compromiso, disciplina, puntualidade, entrega,...”. Que valores consideras máis importantes?
O compromiso coa sociedade é quizás o máis importante.
Que é o compromiso?
Defender a camiseta e os valores do club.
Poderá ofrecerche o Numancia os requisitos necesarios para desenvolver o teu traballo, en canto a instalacións, material, ...?
Si, en principio, non son tan esixente. As instalacións parécenme suficientes, están ben. O material confío en que a directiva me facilite todo o necesario.
Substitúes no cargo a Xelo, un adestrador que levaba nove anos colaborando co Numancia e que este ano estará co Caranza.  Onde esperas chegar como adestrador? Cales son as túas metas persoais?ADR Numancia de Ares. Marcos Amor Roel. Adestrador Xuvenís 2011-2012.
Quero medrar o máximo como adestrador e que a xente que está comigo tamén medre.
Hai adestradores que case non dialogan cos xogadores, establecendo unha relación xerárquica e marcando as distancias. Como é o Marcos adestrador?
Eu son dialogante, autoritario pero dialogante.
O grupo ferrolán terá unha liga de 17/18 equipos. Cal é a túa valoración desta competición?.
Non podo opinar dos equipos pois non seguín esta competición en anos anteriores. Agora ben, o número de participantes paréceme que está ben, dá para que xoguen bastantes partidos.
Cres que a Liga Galega, categoría seguinte á local, ofrece grandes melloras para os xogadores?
Si, é un salto de calidade en todo.
Vas contar con xogadores de último ano que comezarán os estudos universitarios. Ves compatibles os estudos cunha dedicación deportiva coma a dos xogadores que están en ligas galegas ou nacionais?
Todo se pode compaxinar, sempre que exista compromiso tanto nos estudos coma no fútbol.
 
Está é a presentación de Marcos, adestrador dos xuvenís que comeza un novo ciclo no Numancia. Por diante terá traballo abondo e necesitará da colaboración de todos: xogadores, directivos, siareiros, ... Estamos convencidos das súas gañas, dedicación e ilusións polo que só quedará un chisquiño de sorte para que a nave chegue a bo porto.
Sorte, Marcos.
 

Uso de “cookies” Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos en relación coas súas preferencias mediante ó análise anónimo dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información sobre o uso de “cookies” accedendo a nosa política de “cookies”. Para saber máis sobre as cookies que utilizamos e como eliminar-los, consulta a nosa política de cookies.

Acepto os cookies deste sitio web.